5.11.11

Espéciame

Sempre me gustou cociñar con especias: salferir de pimenta a comida e a tixola, pintarlle coloretes de curry ó polo, tomar café con canela en lugar de leite. O que nunca imaxinei é que esta olorosa afición me acabaría deixando un sabor de boca máis intenso e pracenteiro que o mellor dos pratos.

De condimentos vai a cousa.

Veño de recibir un premio de fotografía e poesía coa sempre xenial Cristina López Astorgano, promovido polo magazine cultural Jot Down e a Asociación Cultural Nido del Escorpión (Barcelona), e enfocado á sensual arte da escritura corporal. Tratábase de resucitar esta práctica tan extendida na China fotografando un poema escrito sobre a pel. E gracias á paciencia da nosa modelo, que se deixou encher de montonciños de canela e azafrán, e ó ollo fotográfico de Cris, os versos quedaron "que nin pintados". Aquí volos deixo:



ESPÉCIAME


Úntame de pementa
           e outras esencias.
Quéntame as coxas con canela
baña os meus peitos con aceite
de rosa mosqueta
                                               e améndoa.


Pronuncia comigo
                cardamomo
faille cóxegas coa lingua ó ceo da boca
lambe
                o envés dos beizos, píntamos
     con azafrán.


Devórame en toda a miña especialidade
acende a cociña despois. 




En breves Cris e máis eu marcharemos a Barcelona a salferir especias polas Ramblas. Ata entón, un biquiño de canela!

1 comentario: