13.10.12

RE(C)verso

Abrochen os cinturóns de seguridade, teñan visualizadas as saídas de emerxencia e preparen os seus oídos porque... RE(C)verso vai reverberar!

Hoxe sae á luz o proxecto de audiopoemas no que levo traballando todo este último ano. Trátase dunha recopilación de poemas con base sonora creada a partir de pequenos loops musicais, mesturados como pezas dun crebacabezas mediante un software de edición de audio. Algúns deles contan con música orixinal que compuxen ó piano, gravei e editei en estudio. O obxectivo foi lograr unha simbiose entre voz e música para que o resultado non fose só un poema musicado, senón unha unidade indisoluble na que ambas partes se complementasen, con entidade propia. Tamén, achegar a poesía a máis momentos da vida diaria, facer posible disfrutar dela ó camiñar pola rúa, polo campo, no coche, no ipod, no mp3... mesmo no Bershka. Foron moitas horas adicadas pero tamén moitas risas e sobre todo moita ilusión, así que podo dicir que o proceso non foi tan duro como divertido.

Desta vez non podo permitir que os agradecementos queden agochados ó final do rolo da película. En primeiro lugar, un gracias enorme a Xaime Fandiño (Fandi) por animarnos desde a materia de Expresión Sonora a experimentar cos podcast e a edición de son, xa que esa foi a isca que fixo prender a bombilla da inspiración que alumearía os primeiros "audiochismes". Graciñas tamén a Alba e Davide,  a primeira por convivir comigo e as miñas sobredoses poéticas, o segundo por facer de "muso" e crítico audio-literario (a ambos, en defintiva, pola amizade). Outro lote de gracias a tod@s @s amig@s (CAVs e demais familia), por rir comigo, apoiarme e apodarme celiaparraescritora (desta vez non enumero por non exceder o límite de caracteres, pero quérovos en cada letra). E gracias finalmente ós que escoitades, ós que sorrides, ós que escribides, ós que difundides... sabede que a cada palabra ou a cada click voso médrame o sorriso e a ilusión de seguir escribindo e inventando.

Un par de novas máis. RE(C)verso está dispoñible para descargar de balde na plataforma bandcamp, protexido por licenza creative commons. O enlace, AQUÍ. Paralelamente, xa teño no peto varias copias en versión tanxible e artesanal, con material adicional (novos audiopoemas e algunha sorpresiña máis) que poderedes comprar por só 5 euros. Estarán á venda nos recitais que vaia facendo, mais se queredes ir reservando algún, contactade comigo vía facebook ou comentando nesta páxina. 

Polo de agora, a presentación "oficial" de RE(C)verso está programada para o día 15 de novembro na librería Lila de Lilith, en Santiago de Compostela. Estades máis que convidad@s a asistir, por suposto, e compartir unha tardiña de versos, música e retranca! Publicarei por aquí, según vaian saíndo, novas datas. 

APERTAS SONORAS!


No hay comentarios:

Publicar un comentario