30.12.12

Invítame...


Hai pouco máis dunha semana presentei n'A Coruña o meu fillo audiopoético RE(C)VERSO
Desta volta estiven acompañada pola pintura de Olaya Naveira, que deseñou unha serie de debuxos inspirados nos poemas do disco, e argallou comigo a parte plástica do recital. 

Houbo de todo, desde liñas de poesía telefónica ata pitillos poéticos, pasando incluso por unha tarta de chocolate! pero sen dúbida o que houbo foi un ambiente do mellorciño, así que a todos e a cada un dos que viñestes... GRACIAS! Así dá gusto recitar. 

Un graciñas especial a O fogar do Lecer, por cederme tan agarimosamente o espazo; a Martiño, que tivo a ben coidar do son durante o recital; a Fran, por exercer marabillosamente de "azofaifo"; a Alba, por sacar fotos; a David, por gravar o espectáculo enteiro; a Christian por dedicarme un poema; e a Olaya, por tenderme a man durante o proceso dos debuxos e facer del algo puramente colaborativo cun resultado... impresionante. 

Déixovos cun par de imaxes, que seica valen máis ca mil palabras, mentres os versos nos van levando cara o próximo recital. Apertas sonoras!


13.12.12

Reverberando

Retomo hoxe a palabra, que deixara abandonada aquí durante demasiado tempo, para recoller e compartir os ecos que levan reverberando ó meu redor durante o último mes. 

RE(C)VERSO, ese proxecto que naceu hai xa un ano, non para de arrincarme sorrisos. Chéganme novas de que se está a escoitar nos coches, nos ordenadores, nos reprodutores de música... de que gusta e fai rir! E pra min non hai mellor cousa, gústame que vos guste, e gústame sobre todo pensar que hai alguén que comparte as miñas tolemias. 

O pasado 15 de novembro presentei o CD na Lila de Lilith. Foi un recital-proba-de-lume, e lonxe de queimarme quecín gracias ás mostras de apoio de todos @s que asististes, ristes, falastes, e mercastes o meu audiofillo. Introduciume o xenial Estevo González Azañón. Non o perdades de vista, non só polo seu traballo como actor senón tamén polo proxectiño que andamos argallando. Despois ceibei ó aire uns cantos versos, unhas tantas corcheas... pero o máis interesante foi o debate improvisado que puxo punto (e seguido) á xuntanza. Por todo isto, de novo GRACIAS.

Para @s que queirades saber máis a cerca de RE(C)VERSO, aquí vos deixo un par de ligazóns. Aquí podedes escoitar unha pequena entrevista que me fixeron hai tempo no Diario Cultural da Radio Galega, a partir do minuto 36:52. Hai pouco os compañeiros de O sombreiro de Merlín convidáronme a Radio Obradoiro a falar de RE(C)VERSO, poesía, música e palabra. Foi unha tarde ben divertida na que alternamos ataques de risa con cultura e críticas, e na que os poemas fluíron sen descanso entre as ondas. Neste podcast podedes escoitar o programa enteiro, non ten desperdicio. 

E como o ritmo non para, a vindeira semana estarei presentando de novo os audiopoemas n'A Coruña! Será o mércores 19 ás 20.30, na libraría O Fogar do Lecer. Sobra dicir que estades tod@s convidad@s!!


Apertas sonoras, vémonos nos versos